url

Manifesto unitario

SALVEMOS AS PENSIÓNS

Pensións dignas para tod@s. Repartamos o traballo, recuperemos a nosa riqueza.


O goberno e o capital preparan o enésimo ataque contra os nosos dereitos amosando, de novo, a verdadeira faciana deste sistema na que os de abaixo continuamos a pagar a festa da minoría que acapara o poder económico, mediático e político.

O sistema público de pensións leva tempo no punto de mira dos especuladores financeiros, ávidos de desviar cara aos seus negocios particulares o aforro de millóns de traballadores e traballadoras. Así, “expertos” a soldo dos grandes bancos levan anos avisando da inminente quebra do sistema e da súa imposible sustentabilidade. As cúpulas sindicais e a esquerda institucionalizada asumiron tamén este discurso, expoñendo apenas leves retoques, melloras e dilacións aos máis agresivos ataques neoliberais. O pacto que en 2011 alcanzou o goberno do PSOE, con CCOO, UGT e a CEOE para o atraso da idade de xubilación aos 67 anos é o mellor exemplo disto.

Este discurso, duns e outros, é falso por moitas razóns, entre outras porque non ten en conta, interesadamente, os incrementos de produtividade nos cálculos de sustentabilidade do sistema, ou porque só trata de axustar a sustentabilidade do sistema pola vía do recorte do gasto, nunca polo do incremento dos ingresos: aumentando as cotizacións sociais das empresas, o número de traballadores activos e con contrato ou os salarios. Pero sobre todo, porque rexeita que o sistema de pensións poida ser financiado cos impostos como outros servizos públicos.

A nova reforma do goberno do PP, non pretende senón dar un paso máis no proceso de desmantelamento do sistema público de pensións, condenando a millóns de persoas sen máis recursos, a non contar cunha pensión digna ao chegar a unha idade de xubilación que non deixa de atrasarse.

Fai falta entón unha reforma do sistema de pensións?. Si, pero no sentido oposto ao exposto polo PP, e ao asumido por PSOE, CCOO, UGT na anterior reforma. Nunha sociedade onde o emprego escasea, e aínda máis o emprego de calidade, onde empezan a predominar as carreiras laborais intermitentes e precarias, con salarios cada vez máis baixos, o noso sistema de pensións, polo seu carácter contributivo é xa excluínte e inxusto para a maioría.

Por iso é necesario mobilizarse desde xa, non só para parar este novo ataque aos dereitos de tod@s, senón para conquistar novos dereitos sociais para a clase obreira e entre eles o de asegurar unha pensión digna, independentemente da vida laboral de cada quen, como un dereito que temos que ter acceso como seres humanos, financiándoo cos recursos dos que máis teñen, repartindo a riqueza e devolvéndonola a quen a xeramos.

Necesitamos ademais repartir o traballo; acabar co sensentido dunha sociedade onde, con máis de 6 millóns de traballadores e traballadoras en paro, preténdese que os que facemos o traballo o fagamos cada vez máis anos e máis horas e por menos diñeiro. Fronte a iso, a redución da xornada laboral (sen redución salarial) e da idade de xubilación, traballar menos para traballar tod@s, aparece como a opción máis lóxica e xusta.

Cremos que é posible deixar de retroceder e avanzar en novos dereitos sociais para a clase traballadora, pero non nos van a regalar nada, e teremos que conquistalos como se conseguiron os dereitos que agora pretenden arrebatarnos, organizándonos e loitando desde abaixo, xunt@s, plantando cara e dándo a batalla, avanzando na necesaria convocatoria dunha folga xeral de verdade, convencidos de que a loita e non o pacto social é o único camiño, porque nos vai a nosa vida niso e tamén a d@s que veñen detrás.

E pódese, si se pode, e se nos responden que isto é inviable baixo o capitalismo, xa temos un motivo máis para cambiar de arriba a abaixo este sistema.